O concelleiro de Cultura, Manuel Reyes García Hurtado, presentou esta mañá o espectáculo “IN” da compañía O Elefante Elegante, o primeiro que se representará no Jofre dentro da nova tempada teatral de outono. Acompañaron ao edil ferrolán María Torres e Gonçalo Guerreiro, os creadores da peza que o xoves e o venres se porá en escena no teatro ferrolán, a partir das 20:30 horas. O prezo das entradas é de 5 euros e se poden adquirir xa de maneira anticipada no despacho do Jofre ou por Internet.
García Hurtado explicou que se trata de unha obra teatral programada pola anterior corporación municipal que o seu departamento apoia polo seu “dinamismo e creatividade”. Neste sentido, salientou que en “IN” “se conxuga a danza, o movemento, a palabra, e a musica creando un espectáculo novidoso, creativo e universal.” E ao fío disto, engadiu que a compañía O Elefante Elegante fai “un teatro baseado na capacidade de comunicación do artista”. O edil delegado de Cultura convidou ao ferroláns a asistir a esta representación e insistiu en que o obxectivo da programación cultural do Concello “é colocar ao Jofre á altura do principal teatro do norte de Galicia, como o foi fai tempo”.
Pola súa parte, María Torres e Gonçalo Guerreiro indicaron que perseguen comunicarse co espectador dende o inicio até o final do espectáculo. A estrutura dramatúrxica do mesmo baséase na peza teatral de Bertold Brecht “A voda dos pequenos burgueses”, e dos contos populares “Brancaneves”, “O rei sapo”, “Os zapatos vermellos” e “A vendedora de mistos”. A acción desenvolvese ao redor da celebración dunha voda. A actitude afectada e hipócrita dos noivos e convidados esgótase rapidamente para dar lugar a comportamentos de envexa e ciumes cun pseudo ideal de beleza como pano de fondo.