- 07/09/2011

A preparación do recinto do Monte do Gozo para acoller este evento iniciouse o luns 22 de agosto. O recinto incluirá un equipamento composto por dous escenarios para os concertos; cinco barras; unha zona de merchandising oficial do festival e das bandas; un mercado con comida (bocadillos, hamburguesas, kebabs, hamburguesas ecolóxicas, comida árabe...) e outros produtos (camisetas, chapas, complementos, bixutería, piercings...); un posto da Cruz Vermella; un “banco” central para o intercambio de diñeiro por moedas e billetes do festival; unha carpa para os talleres de dj, con Dj Cro (venres e sábado, de 17 a 19 h); e unha actividade de aquabolas no lago do Monte do Gozo (venres e sábado, de 16:30 a 21 h).

 

En total necesítanse 10 días para a montaxe de escenarios e 5 días para a súa desmontaxe.

O escenario principal ten unhas dimensións de 40 metros de ancho (incluíndo pantallas) e 16 metros de fondo. Son necesarios guindastres de gran tonelaxe para a súa montaxe. O escenario 2 vai situado dentro dunha carpa iglú de 14 metros de altura, con 22 metros de ancho e 14 metros de fondo.

 

A zona de acampada está situada no cámping do Monte do Gozo, a 800 metros da entrada do recinto dos concertos. O cámping, que ten aforamento limitado, estará aberto do venres ás 11,00 horas ao domingo ás 18,00 horas. As autocaravanas poden instalarse no cámping e o resto de vehículos poderán chegar ata a entrada do cámping para a carga e descarga a través de San Marcos, pero non poderán deixar o coche na zona de acampada.