O 112 ATENDEU 369 INCIDENCIAS RELACIONADAS CO TEMPORAL DE VENTO E CHUVIAS QUE AFECTOU A GALICIA DURA - 24/10/2011

O Centro de Atención ás Emerxencias 112- Galicia xestionou un total de 369 incidencias relacionadas co temporal de vento e choivas que afectou a Galicia durante o día de onte. Estes datos correspóndense co intervalo horario entre as 13.00 horas de onte e as 7.30 horas desta mañá.

 

Destas 369 incidencias, a meirande parte están relacionadas con problemas nas estradas (263) e os anegamentos de vivendas (50), entre outras, sendo o momento de maior actividade no 112 o comprendido entre as 13 e as 19 horas do día de onte, con máis do 70% das incidencias xestionadas no Centro de Atención ás Emerxencias.

 

Por provincias a máis afectada foi a de Pontevedra, con máis do 60% das incidencias (226); onde destacan as actuacións levadas a cabo nos concellos de O Porriño e Tomiño. Ata esta última desprazouse o Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias por mor dos anegamentos, o que permitiu contribuír a minimizar os efectos do temporal e a previr maiores incidencias. Tras Pontevedra, seguiulle A Coruña (100),  Lugo (23) e Ourense (20) en incidencias rexistradas no 112.

 

O 112 Galicia informa, segundo predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía, que concluíu o nivel laranxa en terra por chuvia e vento nas catro provincias, pasando o día de hoxe sen alertas en terra. Doutra banda, continúa o fenómeno meteorolóxico costeiro de nivel amarelo en toda a Comunidade Autónoma galega.