[+] Inicio | Noticias | Programas | Emisión en Directo | TV a la carta | Programación | Cobertura | Foro | Contacto

Buscador Web:

|

RSS:

|

Newsletter:

 

Fiestas do Samaín en Cederia

Xa pasaron vinte e tres anos desde que en Cedeira (A Coruña) se recuperou a tradición de tallar as cabazas na véspera do día de defuntos. Avós e pais fixeron memoria; remexendo nunha infancia non tan afastada, lembrando cando se xuntaban uns cantos amigos e amigas para ir coller os melóns e as cabazas ás hortas. Como logo as baleiraban e as ían modelando ao xeito de caveiras de defuntos. Despois, á noitiña, colocaban dentro a candea e prendíanlle lume. Este momento, esperado con ansia polos rapaces, perpetuaba unha tradición dos nosos devanceiros. Logo había que buscar un lugar para deixala; tiña que ser un curruncho dunha rúela onde puidese sorprender e asustar as persoas que lles cadrase pasar por alí. Todo este ritual levábase a cabo na escuridade, moitas veces baixo a choiva; tede en conta que daquela había moi pouca luz nas rúas e ata para os mesmos rapaces as caveiras metían medo.

           

            Aquel vello costume hoxe recuperado grazas á Festa do Samaín celebra o momento de remate do verán e do comezo do inverno. En Cedeira reunímonos para darlle a benvida ao novo período. Para iso comemos todos xuntos as castañas á vez que traemos as nosas caveiras que agora, pola cantidade de luz eléctrica que enche as nosas rúas xa non espantan a ninguén.

 

            A Festa do Samaín acadou unha grande repercusión en toda Galicia, e mesmo é coñecida fóra dela. Hoxe en día celébrase nunha gran cantidade de lugares con diferentes nomes: festa das cabazas, dos calacús... Ao redor da festa producíronse outros fenómenos culturais importantes, como a publicación de estudos antropolóxicos, libros de contos, pezas de teatro, etc.

           

            Pero tamén estes anos, e apoiada principalmente polo cine e a televisión, espallouse paralelamente ao Samaín unha versión exportada da outra beira do Atlántico, o Hallowen. Iso está a provocar que moita xente pense, sobre todo nas zonas urbanas descoñecedoras desta antiga tradición, que o noso Samaín e só unha copia exportada, e que na nosa terra nunca se tallaron cabazas. Mesmo se chega, o que é mágoa, a preferir a festa que vén de fóra e a rexeitar a nosa propia.

           

            Por iso en Cedeira e noutras moitas vilas de Galicia habemos seguir ano tras ano celebrando esta festa, e outras moitas tradicións que se nos van perdendo pouco a pouco, para evitar que desaparezan

Enviar Noticia Enviar Noticia | Imprimir Noticia Imprimir Noticia | Volver
Compartir con Amigos:
 
 
Copyrigth © Radio Televisión Ferrol S.L. (tvferrol.es), todos los derechos reservados. | Plataforma hospedada en territorio Español. | Ciertos Contenidos pueden estar bajo "Copyrigth ®" o ser "Marcas Registradas ™" de sus títulares, queda terminantemente prohibido el uso de los contenidos de esta página web sin el consentiemiento por escrito de Radio Televisión Ferrol S.L. | Powered by Ciolet.com | Ver Condiciones Generales | Ver Aviso Legal